Thursday 25 de April de 2024

A Xunta avanza na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Oza-Cesuras


— A Consellería de Medio Ambiente trasladará ao Concello un documento que determina o alcance que deberá ter o estudo ambiental estratéxico e os organismos que deberán ser consultados tras a aprobación inicial do PXOM

— O Goberno galego concedeu unha axuda de case 120.000 euros para apoiar á Administración municipal na redacción do plan

A Xunta xa concluíu o documento de alcance que serve de base para o estudo ambiental estratéxico do Plan xeral de ordenación municipal de Oza-Cesuras, o que permite avanzar na súa tramitación.

O Concello solicitou iniciar o trámite de avaliación ambiental do PXOM e, a partir desa petición e unha vez recibida a documentación completa, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou un período de consultas previas para a formulación do documento de alcance.

A través do mesmo, a Xunta propón o contido, amplitude e nivel de detalle que debe ter o estudo ambiental estratéxico, que deberá agora elaborar o Concello.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático traslada consideracións como os organismos que deberán ser consultados pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, dentro do trámite de información pública e consultas, tras a aprobación inicial do PXOM.

Cómpre lembrar que Concello provén da fusión voluntaria de dous concellos —Oza dos Ríos e Cesuras— acordada en xuño de 2013. No ámbito do antigo concello de Oza dos Ríos está vixente o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente en outubro de 2001, mentres que no ámbito do antigo concello de Cesuras están vixentes as Normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente en marzo de 1997.

Oza-Cesuras é unha das administracións locais que conta cunha achega da Xunta, de case 120.000 euros, para apoialo na redacción desta ferramenta urbanística, e que se suma á colaboración administrativa que lle brinda para asesoralo en todos os trámites e fases da redacción e solucionar as súas dúbidas.